Libro de Arena
Login

Libros e alén

de libros e do que son quen de xerar

A casa das belas adormentadas

'A casa das belas adormentadas' Yasunari Kawabata (Rinoceronte Editora. 2007)

Eguchi, un ancián obsesionado pola vellez e a proximidade da morte, acode periodicamente a unha casa para pasar a noites platónicas con mozas adormentadas.

Un autor obsesionado pola vellez. Un libro que pronostica o fin do señor Kawabata. Un continuo debaterse entre a moral e as obsesións pseudosexuais da senectude sexualmente activa.

Porca Terra

'Porca Terra' Jonh Berger (Rinoceronte Editora. 2007)

Invádenos a concepción dun labrego como un ser do pasado, inculto (non como a terra que traballa), e carente dos indicios máis elementais de civilización. Co noso desprezo implícito, buscamos inculcarlle a nosa novidosa visión do mundo. Un mundo liñal nun único sentido, de vida e morte, sen continuidade aparente. Unha visión, ao mesmo tempo, dominada polas concepcións simplistas dos modelos económicos, que obvian a idiosincrasia e a forma de entender o mundo de quen vive alleo a eles.

Con este libro, temos a oportunidade de achegarno ao mundo labrego, buscando rachar coas fronteiras do entendemento e ligándonos aos comezos da historia, da nosa propia.

Así nacen as baleas

'Así nacen as baleas' Anxos Sumai (Galaxia. 2007)

Até que punto podemos ficar marcados polo pasado? Despois de anos de ausencia, volver aos inicios, retomando as relacións aló onde a distancia as deixara. Anxos describe de maneira maxistral unhas relacións familiares marcadas pola dor, volvendo ao pasado para recuperar unha sorte de tempo perdido, a liberación duns sentimentos que a cosumiran, hipotecando incluoso as posibles relacións con persoas alleas ao seu entorno familiar.

Ouveo e outros poemas

'Ouveo e outros poemas' Irwin Allen Ginsberg (Ed. Positivas. 2007)

Víu a persoeiros da súa xeracións arrastrados na lama... alén dos moralismos perturbadores, para a concienca da esquerda europea, do Kerouac, o movemento Beat, e concretamente os textos de Ginsberg, son un reflexo do pensamento máis aberto que os USA lograron crear dende Whitman.

Contrarrestando o abafante patriotismo ianqui e sen renunciar a el, Ginsberg fala dunha América (o que nós debemos entender non como continente americano, senón tan só os EEUU) dura, unha américa de ética máis que cuestionable. Pero maiormente fala dunha xeración de poetas evadidos da realidade, sumidos na droga, no alcol, case como resultado das contradicións entre a teoría e a praxe diaria, fomentadas por un estado altamente represivo.

Se cadra foi a necesidade de resposta fronte este último, o que levara ao propio Kerouac, a burcar saídas no budismo, na indixencia, e non nunha militancia política definida.

recomendacións recomendadas deste 2007

Dos libros recomendados neste 2007, vou presentar a selección dos selectos. Os libros que, ao meu parecer, deben ser reseñados baixo o estigma da lectura obrigada. Sei que, o que se tratou nese espazo, non é máis que unha ínfima parte do que en realidade se podería ter falado, polo que podemos perfectamente poñer en cuestión canto eu refira nesta liñas. Mais, para aqueles xa iniciados no excitante mundo da literatura galega, as miñas indicacións pode que sirvan de complemento ao que son, xa a estas alturas, as boas lecturas do pasado ano. Para os non iniciados, cecais sirva este curruncho para darvos pé a comezar unha senda atractiva e, agárdase, que longa e fructífera dentro das nosas letras.

Tres libros galegos, por orde de aparición:

'O alento da musa' Alberte Momán (Difusora das Letras Artes e Ideas. 2007)

'Made in Galiza' Sechu Sende (Galaxia. 2007)

'O home inédito' Carlos G. Meixide (Edicións da Rotonda. 2007)

Unha traducción:

'O desfalco' Valentín Katáiev (Rinoceronte Editora. 2007)

Unha editora:

Rinoceronte Editora

Un autor:

Mario regueira

Unha autora:

Elvira Riveiro

Ben, unha vez entregados os premios toca discrepar. Agardo por vós.

Fóra do sagrado

'Fóra do sagrado' Anxo Angueira (Xerais. 2007)

Coa forza que lle é propia a Anxo Angueira, este longo poema fala do Vigo dos anos, da experiencia do autor, maduro e coñecedor do Vigo antifascista, do Vigo vitorioso. Preséntanos unha Vigo visión da cidade que non durme, proletaria.

Con todo, é un poema para ser escoitado, pero escoitado na voz de Anxo Angueira, incansable, que nos levara nos seus acordes a un Vigo descoñecido, inquietante e atractivo.

O desfalco

'O desfalco' Valentín Katáiev (Rinoceronte Editora. 2007)

Como dicía Eddy Jiménez, nun libro que xa comentamos hai días, é importante, á hora de facer a revolución, contar coas necesidades e a propia idiosincrasia da poboación. Ningún cambio político poderá nunca, nun breve espazo de tempo, erradicar os malos hábitos adquirido ao longo de moitos anos. O que se vén resumindo, na necesidade de avaliar fortalezas e debilidades á hora de afrontar un cambio de calquera tipo, ou ben de comezar calquera tipo de actividade ou proxecto.

Moscova na década dos anos 20, funcionarios do goberno emprenden unha fuxida con cartos públicos. Lonxe de buscar unha nova vida, andan á procura dun pouco de diversións inconsciente.

Un drama cheo de ironía, maxistralmente narrado. Xusto para unhas datas de Nadal, nas que o consumo desmesurado e a perentoria necesidade de diversión, fainos cometer, en ocasións, tolerías de diverso calibre.

Moi recomendable, para obter unha diversión inofensiva.

Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos

'Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos' Moncho Iglesias (Ed. Positivas. 2007)

Moncho Iglesias, profesor de español na Universidade de Belén, vén de sacar este o seu libro de poemas, ambientado nunha Palestina en conflicto permanente. A dor extrema é tamén quen de vestirse de inocencia, nun sarcasmo que mostra a ignorancia daqueles que non queren ver, ou directamente desprezan, un sufrimento que vive patente en xeracións completas de palestinos e palestinas que ansian a liberdade.

É por tanto este, un texto moi recomendable, como sensibilización cara unha realidade non tan distante.